Des (a) fiada quere unir, achegar, pero recoñecendo a eiva, o descosido, o buraco, o baleiro. Hai moitas pegadas no social de hoxe onde o berro de “evelaités” segue a ser preciso, onde calar non é unha opción. O diálogo ten que suceder e a música é un bo instrumento para facelo posible. Alí onde as pantallas silencian e manipulan, a música descobre e fai que agrome unha parte de realidade ocultada. Os tabúes seguen a existir, por iso é difícil recoñecer que erguerse, a miúdo, custa.
Hoxe, ao igual ca onte, cantar é unha boa maneira de botar para fóra o que, dun xeito ou outro, segue empurrando para saír.
Descoséndonos, temos a certeza de que, o des(a)fío, pagará a pena.
Porque, unha vez núas, voltaremos a cosernos xuntas, e darémonos máis calor, ca nunca.